La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Racismo

No periódico de onte, unha amable lectora, María José Garabelos, escribía unha carta sobre Suecia na que dicía que concordaba con todo o que eu contei hai máis dun mes sobre aquel país, cando falei aquí dunha viaxe recente a Estocolmo. Porén, ao mesmo tempo, invitábame a relatar algunha experiencia pouco amable, no caso de que a tivese vivido, tendo en conta que uns amigos sudamericanos que residen alá lle dixeron que agora hai bastante racismo na sociedade sueca. Acepto con moito gusto a invitación, ero teño a impresión de que a vou decepcionar, porque estou convencido de que en Suecia tamén hai racismo, pero menos que noutras partes.

Todas as persoas somos racistas, aínda que só uns poucos converten  ese sentimento tan feo como natural nunha ideoloxía que defende a superioridade duns seres humanos sobre outros por razón de tipo racial. Neste sentido, os suecos non son diferentes. O … Seguir leyendo

Nobres sentimentos

Por aquí polo Val Miñor, onde vivo, hai moitos paxaros; cada vez máis. É unha cousa que me sorprende e que me agrada. Con frecuencia, nos bosques que rodean a casa, vexo algún rapaces botados no chan, observando con prismáticos as especies máis raras e tomando notas nos seus cadernos de campo. En xeral, son adolescentes de aspecto san. Se xulgo por un deles, que se accidentou na bicicleta que guiaba e que tivemos que auxiliar, trátase ademais de xente boa, moi preocupada pola conservación da natureza.

Como eu pertenzo a unha xeración que foi educada no  odio aos bichos, incluídos os paxariños, que se mataban a pedradas ou con escopetas de balíns, descubrir esta nova sensibilidade prodúceme unha alegría e unha sorpresa ás cales non acabo de acostumarme. De maneira que eu acepto xa que nin sequera os lobos son malos.

Onte lin nos periódicos que nesas festas onde … Seguir leyendo

Sol enlatado

O que foi presidente dos Estados Unidos, Richard Nixon, tiña un problema: suaba copiosamente pola parte do bigote. Ese incordio de aparencia insignificante convertíase en cambio nun atranco moi incómodo cando o home se atopaba diante das cámaras de televisión, tanto que as imaxes do seu rostro, que por outra parte non era excesivamente agrazado, resultaban escandalosas.  Foi unha das maiores dificultades coas que se enfrontaron os técnicos publicitarios que deseñaron a campaña que o había levar á Casa Branca.

Ao final resolvérono a base de transformar os estudios e os platós de gravación nunha especie de sucursal do polo norte, co aire acondicionado funcionando a tope. A medida, ademais de eliminar o problema, serviu para sacarlle partido a unha virtude do candidato: posuía un sorriso autenticamente presidencial.

Todo isto está contado nun famoso libro de Joe McGinniss, unha crónica excelente sobre como os expertos en imaxe venderon con éxito … Seguir leyendo

Resignación

Onte pola tarde, mentres estabamos de sobremesa na illa de Ons, un amigo contounos o que lle sucedeu ao seu fillo, un neno de catro anos, durante unha viaxe ao norte de Portugal. Alí coñeceu a unha nena da súa idade, loira e de ollos azuis, da que se namorou perdidamente.

Nun primeiro momento, o romance limitouse a andar os dous collidos da man, pero cando chegou a hora da despedida, o pequeño díxolle aos seus pais que quería levar a nena con el. Polo seu lado, ela parecía estar disposta, pois en tanto duraba a negociación non se soltou da man do rapaz.

En vista da determinación do namorado, os pais lograron convencelo de que tiñan antes que falar coa familia da meniña, cousa que fixeron. Entre as dúas partes trataron de explicarlle, con toda clase de razóns, que non era posible o que pretendía, pero el, irredutible, seguía … Seguir leyendo

Trampas

No ano 1925, no transcurso dunha semana, un golfo escocés chamado Arthur Ferguson conseguiu venderlle a distintos turistas americanos o palacio de Buckingham, a torre do Big Ben e a columna de Trafalgar. As tres operacións supuxeron para aquel Caribe uns ingresos dunhas dez mil libras esterlinas da época, que non era pouco. Animado polo éxito do negocio, Ferguson trasladouse aos Estados Unidos, onde estivo a punto de alugarlle a Casa Branca a un gandeiro de Texas pola cantidade de cen mil dólares ao ano. Detivérono pouco despois cando tiña pechada cun australiano a operación de venderlle a estatua da Liberdade por varios millóns.

Non menos famoso que Ferguson foi o checo Victor Lustig, que se facía pasar por conde. Este tipo, igual que aquel, dedicouse a negociar con monumentos famosos, especialmente a torre Eiffel, que vendeu dúas veces, unha delas a un chatarreiro francés apelidado Poisson, ao que lle … Seguir leyendo