La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na casa de Blanca Jiménez, na vila asturiana de Castropol, hai un amplísimo salón situado na planta baixa, cuns confortables sofás de coiro de color marrón. Naquel lugar, nalgúns meses de agosto como este, polas noites, despois de cear, ás veces ata ben entrada a madrugada,  faciamos tertulia o pequeno grupo de amigos que pasabamos alí uns días de vacacións. Era o complemento feliz dunhas xornadas que con frecuencia nos levaban de excursión pola costa ou de paseo polos arredores da vila.

Un dos amigos era Ramón Piñeiro, un home que gozaba coa conversa e a quen nunca se lle facía tarde para ir á cama. Esa tardanza, non obstante, non lle impedía erguerse cedo ao día seguinte. Desde o meu cuarto, no último piso, eu agardaba escoitar os seus pasos polas escaleiras camiño do comedor para baixar eu tamén.

A última vez que estivemos naquela casa no mes de agosto foi no ano 1990. Aínda que Piñeiro estaba moi enfermo e as catro persoas que o acompañabamos, Blanca, Sara, Gelia e mais eu, sabiamos que aquel ía ser o último verán que pasariamos con el, iso non nos impediu seguir coas nosas tertulias, nas que Ramón participaba contento, polo menos ata unha semana antes de morrer. Hoxe hai seis anos que sucedeu. Aqueles veráns felices de Castropol non volverán, pero sempre se poden recordar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de agosto de 1996.