La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

¿Que sería de Michelangello Antinioni, aquel director decine italiano co que tanto se aburriron de maneira oculta e inconfesa miles de intelectuais e estudantes progres durante a chamadadécada feliz dos anos sesenta? Desapareceu dos breviarios e a ninguén lle importa xa recoñecer a estas alturas que as súas películas eran pesadas e que unha gran parte da literatura que se fixo arredor delas era retórica escura, perfectamente adobiada para impresionar os espectadores  máis infelices.

Non sería difícil prever un destino semellante para Woody Allen, ese artista de actividades múltiples que unha vez á semana xunta nun pub da rúa cincuenta e cinco, en Nova York,a centos de turistas empeñados en escoitar, ou máis ben ver,como toca o clarinete, aínda que non sexa un intérprete que chame a atención polas súas calidades musicais. Abonda con que sexa un señor famoso que sae no cine e a televisión.

Non resulta fácil de explicar como un home que extrae toda a súa graza da cultura xudea americana de clase media pode chegar a conquistar o corazón de tantos intelectuais europeos e que estes decretasen hai xa anos que se trataba dun dos grandes xenios deste século. É posible que agora, rebaixado á condición de ser humano normal por un lío de faldas similar aos  que vive media humanidade, os seus valedores lle dean as costas e empecen a dicir que despois de todo tampouco tentanta graza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de agosto de 1992.