La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado pola noite, durante unha cea campestre que se celebra todos os anos na illa de Toralla, un parente meu díxome que hai pouco fixo unha viaxe ata Beiro, na provincia de Ourense, moi perto da capital, para rescatar o vello piano familiar, abandonado desde hai dez anos nunha casa en ruínas. Non puido collelo porque está situado ao fondo dun salón sen piso, do que non quedan máis que catro ou cinco táboas, entre elas as que soportan o artiluxio. Polo visto, para salvalo sería necesario o prego dunha grúa.

El mesmo recoñeceu que non paga a pena, en parte porque se trata dun instrumento que xa estaba bastante deteriorado desde antes. Un dos meu primos, que foi un neno traste e aloucado, tiña o costume, cando quedabamos sós na casa, de facer carreiras por riba do teclado. Non me estraña, polo tanto, que estea desfeito.

Claro que cando se opera con lembranzas, que nha cousa mereza a pena ou non depende do calado que a nostalxia teña no corazón de cadaquén. Para min, por exemplo, ese piano ten un valor sentimental: os candelabros propios del, que había que acender cando alguén o tocaba pola noite, pois na casa non había luz eléctrica. A mestura da música e as velas, recordadas gora, tantos anos despois, resultan dunha fermosura perturbadora. Tanta que prefiro a perda do piano que velo colgado dunhagrúa, como un aforcado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de agosto de 1997.