La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Leo nalgunha revista que en Nova York se inaugurou unha librería-bar na que se pode tomar unha copa ou ler un libro, segundo o gusto de cada quen. Polo que respecta aos últimos, teñen arredor de dous mil; en canto a licores, supoño que bastantes menos, pois non se necesitan tantas botellas para darlle de beber á xente. O éxito da biblioteca está por ver, pero o primeiro día, cos invitados de pé, indo e vindo polo local, parece que ninguén se atreveu a facer uso da posibilidade literaria e que todos se inclinaron polas copas.

Non está mal, sobre todo se temos en conta que, segundo a crónica do acontecemento, as conversas dos asistentes xiraban case todas arredor de libros e escritores. En xeral, preguntábanse uns aos outros polas últimas lecturas ou recomendábanse novelas. É dicir, que a inauguración tivo un significado claramente cultural.

Un só individuo estaba en contra da experiencia. Tal como conta o periodista que fixo a recensión do acto, era un tipo que non deixaba de dicir en voz alta que aquel non lle parecía o lugar máis adecuado para ler. Unha señora, en cambio, retrucoulle co argumento de que para un amante da literatura non había sitios vedados, nin sequera un bar como aquel no que se atopaban, e que o alcohol nunca estivera rifado coa lectura. O señor deulle a razón polo que respectaba aos principios; simplemente dixo que lle parecía que había pouca luz.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de agosto de 1995.