Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Unha colección

23 de agosto de 2017 a las 0:20

Na localidade sueca de Mölle, unha pequena vila de pescadores situada no sur do país, vive un personaxe aloucado e simpático que instalou nunha fermosa casa de madeira pintada en vermello, un museo do ferrocarril en miniatura. Teño estado naquel lugar algunhas veces, só por ver durante uns minutos a colección daquel señor, que ademais a mantén en vivo, é dicir, con maquetas operativas nas que circulan simultaneamente cincuenta ou sesenta trens. Sempre me atopei alí con centos de persoas, desde afeccionados de todo o mundo, sobre todo alemáns, ata vellos xubilados e nenos, gozando daquel paraíso inocente e infantil.

Quen non sinta a paixón dos trens eléctricos non poderá valorar o que isto significa. Direi, a xeito de ilustración, que hai xente que percorre moitos quilómetros, incluso en avión, para visitar este tipo de museos. En Alemaña, por exemplo, ninguén ignora onde está Göpinge. Miles de persoas acoden todos os días a esta vila próxima a Stuttgart, só porque alí hai un destes museos e unha fábrica famosísima.

Pois resulta que en Ourense van instalar moi pronto unha colección de catro mil locomotoras. Iso quere dicir que Galicia vai ter unha das mellores coleccións do mundo, o cal a converterá nun lugar de destino obrigado para moitos dos afeccionados, xente que segue instalada na infancia nese punto fraco que se refire ao mundo mítico do ferrocarril. Non sería aventurado dicir, aínda que pareza cursi, que Ourense entrará no final do milenio no circuíto dos soños que alegran a vida de miles de toliños de todo o mundo. Ignoro se isto dos soños servirá para facer entender a importancia da noticia. Para quen pense en termos menos románticos: si, isto deixa diñeiro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de agosto de 1998.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Deja tu comentario