Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Nobres sentimentos

20 de agosto de 2017 a las 0:21

Por aquí polo Val Miñor, onde vivo, hai moitos paxaros; cada vez máis. É unha cousa que me sorprende e que me agrada. Con frecuencia, nos bosques que rodean a casa, vexo algún rapaces botados no chan, observando con prismáticos as especies máis raras e tomando notas nos seus cadernos de campo. En xeral, son adolescentes de aspecto san. Se xulgo por un deles, que se accidentou na bicicleta que guiaba e que tivemos que auxiliar, trátase ademais de xente boa, moi preocupada pola conservación da natureza.

Como eu pertenzo a unha xeración que foi educada no  odio aos bichos, incluídos os paxariños, que se mataban a pedradas ou con escopetas de balíns, descubrir esta nova sensibilidade prodúceme unha alegría e unha sorpresa ás cales non acabo de acostumarme. De maneira que eu acepto xa que nin sequera os lobos son malos.

Onte lin nos periódicos que nesas festas onde un touro matou un home nun encerro, membros dun grupo que está en contra de facer sufrir os animais untaron con aceite as barreiras laterais, co propósito de que a xente que participase no espectáculo non tivese onde agarrarse. Sempre hai individuos que disfrazan de causas nobres o que non son máis que sentimentos ruíns. A miña nai, por exemplo, tiña unha amiga que se confesaba amiga dos pobres. A verdade é que eu só lle escoitaba falar mal dos ricos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de agosto de 1999.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Deja tu comentario