La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No ano 1925, no transcurso dunha semana, un golfo escocés chamado Arthur Ferguson conseguiu venderlle a distintos turistas americanos o palacio de Buckingham, a torre do Big Ben e a columna de Trafalgar. As tres operacións supuxeron para aquel Caribe uns ingresos dunhas dez mil libras esterlinas da época, que non era pouco. Animado polo éxito do negocio, Ferguson trasladouse aos Estados Unidos, onde estivo a punto de alugarlle a Casa Branca a un gandeiro de Texas pola cantidade de cen mil dólares ao ano. Detivérono pouco despois cando tiña pechada cun australiano a operación de venderlle a estatua da Liberdade por varios millóns.

Non menos famoso que Ferguson foi o checo Victor Lustig, que se facía pasar por conde. Este tipo, igual que aquel, dedicouse a negociar con monumentos famosos, especialmente a torre Eiffel, que vendeu dúas veces, unha delas a un chatarreiro francés apelidado Poisson, ao que lle sacou unha cifra fabulosa, ademais dunha comisión non pequena, como propina por servir de intermediario. Este Lustig vendía tamén artefactos patentados para fabricar billetes, que curiosamente lle foron adquiridos por algúns individuos millonarios. Na súa habilidade para o engano, o falso conde

checo tivo a honra de estafar ao mesmo Al Capone, con quen compartiu despois cadea en Alcatraz e do que acabou sendo amigo íntimo. Tanto Ferguson como Lustig son exemplos dunha estirpeantiga, quizais eterna. Parece que algún cofrade desta dinastía anda estes días botando as nasas en Galicia, a ver se cae algo. Polo tanto, se a alguén lle sae agora a oportunidade de mercar barata a catedral de Santiago, que non se precipite. Pode ser unha trampa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de agosto de 1998.