La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Sentado nunha terraza á beira do mar, mentres practico en solitario o incomparable pracer de non facer nada, escoito deliberadamente unha conversa que dúas mulleres manteñen uns pasos máis alá, na mesa veciña. Falan do verán e do inverno. As dúas prefiren o primeiro, aínda que me dá a impresión de que se aburren tanto nun como noutro. Unha delas di que a praia lle acaba parecendo pesada e a outra está convencida de que a calor lle produce molestias na circulación das pernas. Non están contentas.

O verán, non obstante, é o tempo dos pequenos praceres intrascendentes, como este que practico eu desde a miña mesa. En ningunha outra época do ano se poden experimentar tantos nin tan gratos. Pensemos, por exemplo, no deleite de chupar con calma un xeado, sorber con fruición un refresco nunha terraza marítima pola noite, tomar o sol estomballándose na praia ou mergullarse de cabeza nunha piscina.

Quizais non sexan gr andes praceres, pero tampouco xeran grandes remordementos: unha cousa vai pola outra, pois o que moito goza moito pena tamén. Estes son breves estralos epidérmicos, pequenas festas que transcorren sobre a pel, pero que algunha alegría transportan ata o interior da alma. Hai que aproveitalos. Despois, no inverno, co corpo acoirazado pola roupa, as cousas ocorren nun nivel máis fondo, pero quizais tamén algo máis perigoso: intervén a cabeza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de agosto de 1992.