Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Unha cuestión de dignidade

12 de Agosto de 2017 a las 0:45

Nas oficinas duns grandes almacéns coincido cun matrimonio indignado. Ela, gorda e navallona, cun mal xenio que se pesa por arrobas; el, algo crecas e pixiñas, secundando con pequenos saltos e con xestos o zafarrancho que arma a súa dona. A indignación é cualificada por eles mesmos como profunda, aínda que a min non me parece máis que lixeira e nerviosa, puro ruído da gorxa, sen contido real. En realidade, aos cinco minutos de empezada a disputa, chego á conclusión de que se trata dunha bobada.

Sucedeu que un banco devolveu un recibo da parella, razón pola cal os chamaron dos grandes almacéns para comunicarlles a noticia e pedirlles que pasasen polas oficinas a fin de resolver o problema. Levaban os cartos preparados, envoltos nun periódico e atados, pero antes de proceder ao pago esixían que o empregado que os atendía comprobase na libreta de aforros que había fondos. O empregado, a quen a lóxica lle impedía entender o incidente, negábase a abrir a libreta, alegando con razón que o estado daquela conta non era da súa incumbencia. Insatisfeitos, os clientes seguían berrando, cada vez máis irritados, empeñados en deixar patente a súa solvencia bancaria. Ao final quedou claro que se trataba dunha cuestión de dignidade elemental e primaria, máis ben roñosa. Dixo a señora: “A ver se vostedes van pensar que somos uns mortos de fame”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de agosto de 1993.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Deja tu comentario