La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven nunha reunión de amigos onde só se falou de economía, especialmente do que sucede no Xapón. Naturalmente, permanecín calado porque é un asunto do que non sei nada: sigo contando por pesetas, cando os expertos contan por dólares ou por billóns, e a miña ignorancia é de tal magnitude que non entendo por que a xente non pode dispoñer do diñeiro que necesite nin por que os gobernos, que fabrican os billetes, teñen que ter tanto coidado á hora de imprimilos, para non xerar inflación. Escuso engadir que tampouco me cabe na cabeza que haxa pobres ou que algúns ricos americanos teñan tanto diñeiro coma un país enteiro.

Na citada conversa falouse tamén das repercusións que poden ter para a economía mundial os asuntos de Monica Lewinsky. Que unha golfería privada do presidente dos Estados Unidos cunha rapaza de vinte e cinco anos me acabe afectando a min en Vilariño resulta unha loucura. Diso falouse na reunión e parece que son consecuencias do que agora se chama a internacionalización.

Deben ser estes de Clinton os pecados máis importantes de toda a historia da Humanidade, pois ata hoxe non se sabe de ninguén que fixese iso e que tivese unha repercusión equivalente no plano dos mercados. Debería de andar con algo máis de coidado. Non é xusto que polas súas alegrías, a xente pague a gasolina máis cara ou os repolos, incluso o cine. Confeso que agora falo por falar, pois insisto en que non sei nada de economía, o cal tampouco é para presumir. A ignorancia é a ignorancia. Aínda que un sempre se pode consolar con aquel poema de Pessoa que di que Cristo non sabía nada de finanzas. Nin consta que tivese biblioteca.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de agosto de 1998.