La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hoxe vou contar a historia dunha señora croata que lin nun periódico sueco. Trátase dunha muller que reside en Suecia desde hai trinta anos, cando chegou para traballar na industria do automóbil. Como para tantos compatriotas seus, perfectamente integrados na tranquilidade mol que se vive na terra de acollida, a paz de que gozamos agrandoulle aínda áis a traxedia que estaban pasando os seus na antiga Iugoslavia. Especialmente pensou na difícil situación en que debía estar un irmán seu e alá se foi.

Marchou no seu auto particular e atravesou Europa cunha soa idea na cabeza: buscalo e arrincalo do inferno como fose. Despois de non poucas peripecias, chegou á casa familiar, deixou na rúa o auto acendido coas portas abertas, andou correndo entre tiros e bombas e descubriu un par de ollos aterrorizados no fondo dun soto. Agarrouno por unha man, meteuno no coche e volveu con el ata Suecia.

O periodista que firma a reportaxe, racionalista e preca vido, fala da audacia e da inconsciencia suicida da croata residente en Suecia. Desde Shakespeare sabemos que a heroicidade e a covardía teñen moito que ver coa conciencia e a inconsciencia: Hamlet di que a conciencia nos fai a todos covardes. É certo. Non obstante, no medio desta guerra miserable como todas e máis cruel que as precedentes aínda que soamente sexa por ser a última, o xesto desta muller debe anotarse na conta do amor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de agosto de 1992.