La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Vilagarcía vin o domingo, mentres paseaba só polas rúas da vila, moi cediño pola mañá, unha pintada que dicía: “Mata nazis”. Estaba escrita con letras inmensas, de feitura coidada, sobre o muro dunha casa, e non levaba a firma de ninguna organización. Supuxen que sería o resultado dunhaacción individual, quizais un desafogo, non a proclama política dun partido. En todo caso, escritos como este producen desacougo.

Que haxa xente que quera matar a outra, aínda que sexan nazis, non deixa de ser triste. Por min que non maten nin o lobo. Ánxel Fole contoume unha vez a historia dun deles, natural das terras do Incio, que era vellote e tranquilo e xa non tiña nin forzas para comer unha ovella. Chamábase o lobo Toribio. Co tempo, cada vez se parecía máis a un can que a unha fera do monte e os cazadores respectáronlle a vida.

En Berlín comín nunha ocasión na casa dun vello nazi, sen saber que o fora. Como o lobo de Fole, perdera rabia e comportouse, polo menos aquela noite, como unha persoa con alma, mesmo con amabilidade e simpatía. Supoño que tería o corazón cheo de cobras e que de mozo, na flor da furia, sería tan malvado e canalla como tantos dos seus compañeiros. Desde logo, o último que se me podía ocorrer sería solicitar que o matasen, como non me gusta que maten os lobos, as baleas nin os tigres. Tampouco os nazis, por suposto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de agosto de 1994.