La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven lendo unha reportaxe moi interesante sobre a infidelidade no reino animal. Chamoume a atención a diversidade de comportamentos que se dan entre as distintas especies. Así, os papagaios, por exemplo, traizoan a súa parella, pero só cando esta non os ve. Polo visto, a ocultación ten relación cun feito que explica aquela dun xeito razoable: se a papagaia o sabe, empréndea a picotazos co infiel. O contrario do que ocorre entre os chimpacés, onde son elas as que se ocultan para pecar con outro. Neste caso, o motivo non ten que ver con mordiscos nin censuras. Simplemente, que se o macho chega a averigualo, mata as crías que non son del.

Un caso especial dáse entre os ferreiros azuis, que son monógamos, pero cunha excepción magoante: se a femia atopa un macho superior ao seu, perde a cabeza por el, comportamento que parece máis propio de humanos que de paxaros. En cambio, os cabaliños de mar son rigorosamente fieis e só despois da morte do compañeiro ou a compañeira elixen parella, pero sempre que esta estea tamén libre.

Respecto dos humanos, poucas novidades, a non ser que o oitenta e catro por cento da poboación mundial vive en culturas que permiten a poligamia, mentres que os que vivimos en culturas monogámicas somos nada máis que o dezaseis por cento. Confeso que ignoraba un dato tan contundente. Tampouco sabía que, segundo o estudo duns ingleses, o compañeiro máis infiel ten título universitario e que o contrario ocorre coa xente que fixo estudos obrigatorios. Ademais, o risco de infidelidade aumenta no caso de que un sexa licenciado e que por riba leve lentes. Menos mal que agora hai posibilidade de levar lentes de contacto. Dígoo por non delatarse pola rúa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de agosto de 1999.