La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na madrugada do 5 de agosto de 1962, hai agora vinte e cinco anos, morría na súa casa de Los Angeles, en California, Marilyn Monroe. Deseguida, os periódicos de todo o mundo deron a noticia de que a actriz se suicidara. Case ao mesmo tempo empezaron a difundirse unha serie de historias fantásticas sobre o presunto asasinato daquela muller, nunha das cales, absolutamente disparatada, pero perfectamente construída, aparecían implicados o presidente John F. Kennedy, amante ocasional de Marilyn, e o seu irmán Robert.

A verdade é que Marilyn morreu por un error médico, cando dous doutores lle prescribiron, sen que un soubese do outro, dúas clases de somníferos incompatibles entre si. Para ocultar a equivocación involuntaria, un deles tivo que mentir, o cal deu orixe a todas as especulacións que viñeron despois, incluída a tese do suicidio.

A verdade é que Marilyn non tiña máis problemas que o seu insomnio rebelde, que atacaba empachándose de comprimidos. Por outra parte, naqueles días estaba feliz preparando o  eencontro con Joe DiMaggio, o único home que a quixo sinceramente, sen complexos nin interese. Cando aínda vivían xuntos, ela fíxolle prometer que, caso de morrer primeiro ca el, lle levaría un ramo de flores todas as semanas. Joe non fallou nunca durante vinte anos. Despois, xa non lle foi posible, pois morreu tamén el.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de agosto de 1997.