La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, cando falaba aquí das “fula ord”, é dicir, as palabras feas que pronunciou esa señora que no bar do parlamento galego lle bateu a unha deputada socialista, alegrábame de que a prensa sueca se limitase a citalas xenericamente, sen traducilas. Non creo que se tratase tanto dun asunto relacionado co pudor, pois os periódicos informan aquí sen aplicar nunca panos quentes nas feridas, como da incapacidade real para poñer en sueco verbas que nesta lingua non se perciben como insultos.

Creo recordar que noutra ocasión falei neste mesmo periódico dun grupo de refuxiados hispanoamericanos que un día nos veu ver, hai xa anos, para que lles puxésemos en sueco un panfleto reivindicativo e de protesta contra a presidenta do seu país.

Unha parte substancial do escrito estaba dedicada a explicar que a primeira mandataria do seu país exercera a prostitución antes de dedicarse á política, o cal, por outra parte, dicían eles utilizando as palabras máis duras, desgarradas e ferintes. Custou barro e fariña facerlles comprender que, en primeiro lugar, a palabra “hora”, que ten catro letras como a palabra española que traduce o mesmo oficio, en Suecia non sen emprega como insulto. En segundo lugar, que pasar de puta a presidenta, aquí considérase un mérito.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de agosto de 1993.