La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No periódico de onte lin que nas terras da Limia, onde pasei a miña infancia, andaron a tiros un grupo de mozos portugueses con outros rapaces da comarca. Non sei máis detalles, pero supoño que sería unha pelexa causada por unha desas estupideces que ás veces están detrás das traxedias: líos de mozas, orgullos de tribo, odios fronteirizos. Cando eu era pequeno, estes enfrontamentos sucedían a miúdo, pero daquela entre xentes de parroquias veciñas ou entre persoas da mesma parroquia pero de aldeas diferentes. Unha forma pobre de facer a guerra.

O caso máis célebre que coñecín foi protagonizado por un cura amigo meu, do que teño falado aquí noutras ocasións, que realizou unha incursión de comando solitario en Portugal, para sacar a tiros do cárcere o seu amigo Vales, un home de Xinzo que tiña taberna nas inmediacións da igrexa da vila. Pistola en man, o crego fuxiu con el da cadea, cruzaron xuntos a raia e volveron ambos os dous á vida normal, un a predicar o Evanxeo e o outro a despachar vasos de viño. Foi un acto de amizade, non de odio, e sen vítimas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de agosto de 2000.