La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Parece que a Berlusconi lle gusta o salchichón. Tamén lle gustaba a Sartre. A Franco, que era parco en todo menos na paixón polo poder, facíalle certa graza a tortilla de patacas, que comía todas as noites, preparada por un cociñeiro da Garda Civil. De Salazar oín dicir que o seu prato preferido eran os ovos cocidos, que pasaba pola gorxa con desgana, enviando de cando en vez pequenos grolos de leite. A Perón vinlle comer eu en Tranquilino, de Madrid, un asado de boi que non debía pesar menos de dous quilos.

Da vida dos personaxes célebres, sempre son máis interesantes estas pequenas cousas que as grandes, é dicir, as que transcenden á opinión pública, que case nunca son certas. Por exemplo, os suecos estaban convencidos de que Olof Palme non fumaba, o cal era verdade de portas a fóra; na intimidade acendía un cigarro noutro.

Os que teñan lido o diario de Brezhnev, que se chamaba O meu querido diario, como os que escriben os adolescentes nos internados, verán que non anotaba máis que trivialidades: que o afeitaran pola mañá, que comera un consomé, que cortara as unllas, que vira unha película na televisión ou que tivera unha dor de moas. O feito de que non anotase asuntos máis trascendentes só quere dicir que non lle preocupaban demasiado. Ser o amo dun país, ou do mundo, non significa necesariamente ser un grande home.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de agosto de 1994.