La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Aclaración

O artigo de onte, no que contaba como un gabián comeu un paxariño nun bosque próximo á miña casa, podía dar a entender que o meu veciño e amigo Manuel, catedrático de filosofía, é un home frío e racionalista, sen sentimentos. Digo isto porque el mesmo se queixou, en ton de broma, de que o pintase como unha especie de individuo alleo á emoción que debe espertar en calquera ser humano normal, a desesperación duns pais paxaros chorando a morte do seu fillo. Non era esa a miña intención, senón recoller o que el dixo, que era certo: ou sexa, que os paxariños non choraban, senón que emitían uns sons ditados polos seus propios xenes.

A verdade é que esa é unha conversa que mantemos con frecuencia o meu amigo e mais eu. Os dous limos con interese o famoso libro O xene egoísta, que tan mal lle sentou … Seguir leyendo

Dous herois

En Moscova hai un cemiterio que se chama Novodévichi, que eu visitei no ano 1982, acompañado dunha amiga, no que están enterradas algunhas das figuras máis relevantes da vida política soviética, entre elas Nikita Kruschov. Pero tamén descansan alí os restos de Grigori Nikulin, que pasou á historia, non como o cociñeiro do tsar, por aprenderlles a facer pan ás grandes duquesas, senón por ser un dos seus executores. Polo visto era un home de bo  aspecto e de trato agradable, que en 1964 vivía moi ben situado grazas a ter participado na liquidación da familia imperial. Presumía de ter unha casa excelente, na que había incluso un cuarto para o can.

A morte do tsar converteuse durante anos nunha reivindicación gloriosa por parte dos individuos que a levaron a cabo. Un deles, Yakov Yurovski, gardaba cheo de satisfacción un libro publicado en Occidente no que se dicía de maneira … Seguir leyendo

Sombras no paraíso

Hai unha lei en Suecia que prohibe de forma terminante que os pais lle poidan pegar aos seus fillos. Non se lles permite un lixeiro cachete, nin sequera unha palmadiña simbólica na man. Os nenos sábeno e como ademais contan cun xuíz especial que vela polo cumprimento da norma, desde pequeniños aprenden cales son os seus dereitos e moitos deles non teñen reparo en denunciar os seus pais. Xeralmente a cousa remata cunha reprimenda pública e cun abrazo dos contendentes.

En España teño discutido cos amigos sobre esta lei. Naturalmente, as opinións son diverxentes, pero en xeral predominan aquelas que consideran excesivo que un pai, polo menos de forma excepcional, non lle poida arrear un cachete a un rapaz revoltoso.

En Suecia, en cambio, ninguén se atreve a discutir a bondade do principio. A xente adoita dicir que un golpe a un fillo é sempre un fracaso do pai. O … Seguir leyendo

Vivir peor

Teño un amigo, profesor na universidade americana de Wisconsin, que un día, levado polo seu espírito bondadoso, decidiu regalarlle un ano da súa vida ao país máis pobre do mundo, que daquela era Burkina Faso, en África. Marchou alá para dar clases de inglés gratuitamente. A entrada no aeroporto da capital, que se chama Ouagadougou, tivo algo de cómica. Un letreiro enorme proclamaba con orgullo un gran disparate: “Benvidos a Burkina Faso, a tumba do imperialismo”. O resto non resulta moi difícil de imaxinar.

Con todo, aínda hai que facer un esforzo para supoñer como sería un vello, do cal me falou o meu amigo, que vivía completamente espido debaixo dunha árbore, sen moverse apenas daquel territorio tan raquítico. Non era dos que peor vivían, pois polo menos dispuña dunhas ponlas e unhas follas para ampararse do sol.

Segundo vexo nun libro, a renda por persoa naquel país equivale a … Seguir leyendo

Historia de arrepentidos

Que Alí Agca, o terrorista que quixo matar o Papa hai uns anos, faga agora votos pola saúde da súa antiga vítima, demostra en primeiro lugar que o tal individuo non é rancoroso ou empecinado, pero en segundo lugar demostra tamén o fráxiles que deben ser tanto o mundo emocional como o entramado ideolóxico en que se fundamentan as accións radicais destes iluminados. De non mediar a sorte, ou a providencia, a estas alturas o Papa estaría morto e o arrepentimento de Alí Agca, en caso de que se producise, carecería de sentido, polo menos a efectos de devolverlle a vida a quen previamente lla tirara por non se sabe que motivos políticos ou relixiosos.

No ano 1978, un comando das chamadas Brigadas Vermellasasasinou en Roma a Aldo Moro. O atentado foi cometidopor un grupo de mozos fanáticos e enfurecidos, aínda que sempre se sospeitou que o brazo executor viña … Seguir leyendo