La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos, cando en Galicia os homes saían tomar uns chatos en grandes cuadrillas de amigos e se pagaba por rolda, dicíase con estrañeza que os cataláns tiñan o mal costume de pagar cada un para si. Desde entón, aquelas xentes foron catalogadas como exemplares puros da máis repugnante tacañería, unha cualificación moral que entre nós só é superada negativamente pola escaseza na comida, o viño adulterado pola química, aínda que sexa a máis inocente e necesaria, ou ese xamón moderno que sabe a peixe.

Se os xulgamos con semellantes criterios, os suecos superan con moito aos cataláns en cuestión da cutrería. Non é que cada un pague para si, senón que cando invitan ás súas casas para tomar uns vasos de viño, con frecuencia esperan que cada un leve a súa botella.

Ou peor aínda, como nos sucedeu o domingo pasado.Unha parella coa que non temos moita relación, pero que atopamos ás veces en festas de amigos comúns, convidounos a cear. Expresamente nos avisaron de que non facía falta que levásemos nada, nin sequera unha botella de viño, o cal nos sorprendeu de forma agradable. Non fai falta que describamos a nosa sorpresa cando ao final da cea, o dono da casa nos pediu cento cincuenta coroas, unhas dúas mil cincocentas pesetas, a cada un dos invitados.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de xullo de 1993.