La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día quedei pechado nun ascensor, experiencia que non era nova para min e que, sempre que se produciu, tivo un punto cómico que fixo que todo acabase entre risas. Unha vez pasoume con Ramón Piñeiro na Facultade de Filoloxía, en Santiago, e tivemos que saír a gatas diante da mirada divertida dos estudantes que naquel momento pasaban por alí. Noutra ocasión, ocorreu nun hotel en Armenia, onde un americano gordo, que se ría dos soviéticos, botouse a chorar e perdeu a razón e a dignidade.

Desta vez, o meu compañeiro de infortunio, un bo amigo co cal acudía a unha reunión, tamén se puxo nervioso, aínda que procurando manter a elegancia. Ao cabo dun cuarto de hora, non obstante, cando estabamos a punto de sermos rescatados, o home tratou de saír por un buraco imposible: nin unha cereixa collía por el.

Naturalmente, deume a risa, cousa que me recriminou despois.  Non lle mentín cando lle dixen que foi porque me acordaba dun episodio que narra Joseph Conrad nunha novela, no que un negro descontrolado polo pánico quere saír dun camarote por un buraquiño diminuto. Dunha maneira case automática, o meu amigo fíxome outro reproche: “¡Só me faltaba que me comparases cun negro!”, pero ao darse conta do disparate que acaba de dicir, engadiu sorrindo: “¡Que rápido se baixa ao racismo en ascensor!”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de xullo de 1996.