La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte asistín a unha voda no xulgado de Vigo e presenciei, unha vez máis, o exercicio inevitable de tirarlle arroz aos mozos ao final da cerimonia. Hai anos, nunha circunstancia semellante, en Suecia, vin que tiraban outra cousa distinta, que eu non identificaba; preguntei que era e dixéronme que se tratabadun sucedáneo. Antes, segundo me contaron, facían igual que en España, pero desde había tempo cambiaran o arroz por aquel novo produto por razóns de tipo ecolóxico. Polo visto, o que estaba en cuestión era a vida dos paxariños. O arroz cru, que os paxaros comen despois, ínchalles nos seus estómagos diminutos e acaba causándolles a morte.

Téñollo explicado a moitos amigos, pero sen éxito. Cada vez que me corresponde asistir a unha voda, ao final sempre se me vén á cabeza o comportamento dos suecos, tan preocupados, mesmo ata extremos dunha delicadeza como esta, por non lles causar mal aos animais. Por suposto, hai xa moitos anos que tampouco lle causan males á xente.

Por aquí abaixo aínda non superamos con éxito a primeira fase, a de respectar a xente. Abonda con escoitar a radio ou ler os periódicos para observar con que cualificativos gordos e infamantes se resolven moitas veces as discrepancias entre as persoas. Sen facer cuestión do escepticismo que invade a un cando se fala destas cousas, non estaría de sobra facer un chamamento a todos os amigos dos paxaros. En vez de tirar arroz, podían tirar outra clase de gran, como trigo ou centeo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de xullo de 1992.