La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, na tertulia, Torrente andaba intrigado coa palabra bolardo, que se emprega moito aquí, no Val Miñor, pero que eu nunca escoitara antes en ningunha outra parte de Galicia. Con este vocábulo designan nesta comarca unha especie de torta feita a base de fariña, manteiga, ovo e azucre, que xeralmente leva un adorno en relevo con figura de trenza. Aínda que nun principio era postre de voda, segundo me contaron, agora véndese nas tendas como artigo de consumo, igual que unha ensaimada ou cousa semellante.

Se eu tivese a fantasía lingüística de don Pedriño de Lobás, un cura entusiasmado polas etimoloxías, que pretendía explicalas todas desde o sentido común, seguro que lle atoparía razón. Para aquel home podería ser algo así como bolardo, bola de lardo. E engadiría: “Xa o di a mesma palabra”. Era sempre o seu último argumento.

A verdade é que eu non teño nin idea. Para empezar, parece termo estranxeiro. En inglés existe bollard, que son eses postes de ferro que se poñen ás veces na entrada das rúas peonais para que non pasen os coches. Podía vir de aí. En todo caso, resulta preferible non resolver a cuestión, pois xa temos tema de conversa. Por outra parte, como Torrente goza dunha memoria prodixiosa, non me custa imaxinar ata onde nos pode levar este bolardo. Polo menos ata a letra dun tango. Unha boa maneira de pasar o tempo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de xullo de 1997.