La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai un par de días, nun xantar en Madrid, decateime de que case todo o mundo está furioso co programa Gran hermano, que a maioría da xente que coñezo presume de non ver. Como eu estiven fóra do país durante tanto tempo, non tiven moitas posibilidades de seguilo, de xeito que fixen algunhas preguntas sobre os avatares dos distintos participantes e atopei coa sorpresa de que, uns máis e outros menos, os presentes sabían bastante do que sucedera, incluídos nomes, amoríos, cotilleos, biografías e destinos dos personaxes.

Non me estrañou tan amplo coñecemento, por moito que servise para facer crítica do programa televisivo, porque lin nos periódicos que algúns días este tivo arredor de doce millóns de espectadores. Se excluímos nenos pequeniños, cegos, xente que non ten televisor na casa, monxas e monxes de clausura, bispos e cóengos, xente que traballa polas noites, camioneiros de viaxe, turistas no estranxeiro, enfermos, persoas serias e demais, non saen as contas. Moito menos se lle engadimos a todos os indignados.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de xullo de 2000.