La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Moscova hai un cemiterio que se chama Novodévichi, que eu visitei no ano 1982, acompañado dunha amiga, no que están enterradas algunhas das figuras máis relevantes da vida política soviética, entre elas Nikita Kruschov. Pero tamén descansan alí os restos de Grigori Nikulin, que pasou á historia, non como o cociñeiro do tsar, por aprenderlles a facer pan ás grandes duquesas, senón por ser un dos seus executores. Polo visto era un home de bo  aspecto e de trato agradable, que en 1964 vivía moi ben situado grazas a ter participado na liquidación da familia imperial. Presumía de ter unha casa excelente, na que había incluso un cuarto para o can.

A morte do tsar converteuse durante anos nunha reivindicación gloriosa por parte dos individuos que a levaron a cabo. Un deles, Yakov Yurovski, gardaba cheo de satisfacción un libro publicado en Occidente no que se dicía de maneira clara que el fora quen matara a Nicolás. Iso non impediu que unha das súas fillas, Rimma, fose arrestada e pasase vinte anos internada nun campo de concentración.

Rimma tivera un destacado papel dentro das Mocidades do Partido Comunista, pero caeu en desgraza por unha daquelas miserias de tipo ideolóxico, sempre disfrazadas doutra cousa aparentemente máis nobre, que lles servían a moitos camaradas como pretexto para desfacerse dos rivais e medrar eles a cambio. Cando recobrou a liberdade e volveu a Moscova, mantivo amizade con Nikulin, o outro executor do tsar ao cal citei ao comezo deste artigo, pero vivía da misericordia, sen teito nin traballo. Un día, medio en broma, medio en serio, díxolle a aquel camarada do seu pai: “¿Por que non me deixas vivir no cuarto que tedes para o can?”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de xullo de 1998.