La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai unha lei en Suecia que prohibe de forma terminante que os pais lle poidan pegar aos seus fillos. Non se lles permite un lixeiro cachete, nin sequera unha palmadiña simbólica na man. Os nenos sábeno e como ademais contan cun xuíz especial que vela polo cumprimento da norma, desde pequeniños aprenden cales son os seus dereitos e moitos deles non teñen reparo en denunciar os seus pais. Xeralmente a cousa remata cunha reprimenda pública e cun abrazo dos contendentes.

En España teño discutido cos amigos sobre esta lei. Naturalmente, as opinións son diverxentes, pero en xeral predominan aquelas que consideran excesivo que un pai, polo menos de forma excepcional, non lle poida arrear un cachete a un rapaz revoltoso.

En Suecia, en cambio, ninguén se atreve a discutir a bondade do principio. A xente adoita dicir que un golpe a un fillo é sempre un fracaso do pai. O malo é que se acaban de facer públicos os resultados dunha investigación universitaria e resulta que aquí, a pesar da citada lei, arredor de cen mil pais lle baten aos seus fillos, uns máis e outros menos. De momento, non vexo que ninguén se escandalizase pola revelación. Pouco a pouco, o paraíso sueco vai deixando de selo. Calquera día comen a mazá.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de xullo de 1993.