La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño un amigo, profesor na universidade americana de Wisconsin, que un día, levado polo seu espírito bondadoso, decidiu regalarlle un ano da súa vida ao país máis pobre do mundo, que daquela era Burkina Faso, en África. Marchou alá para dar clases de inglés gratuitamente. A entrada no aeroporto da capital, que se chama Ouagadougou, tivo algo de cómica. Un letreiro enorme proclamaba con orgullo un gran disparate: “Benvidos a Burkina Faso, a tumba do imperialismo”. O resto non resulta moi difícil de imaxinar.

Con todo, aínda hai que facer un esforzo para supoñer como sería un vello, do cal me falou o meu amigo, que vivía completamente espido debaixo dunha árbore, sen moverse apenas daquel territorio tan raquítico. Non era dos que peor vivían, pois polo menos dispuña dunhas ponlas e unhas follas para ampararse do sol.

Segundo vexo nun libro, a renda por persoa naquel país equivale a unhas mil pesetas ao mes, que ademais non estarán demasiado ben repartidas, como pasa sempre. Tal como publicaban onte os periódicos, hai terras onde se vive aínda peor. Tratei de imaxinar como podería ser ese tipo de vida, tomando como termo de comparación o home do cal me falou o meuamigo. Todo o que conseguín foi ver un vello espido tirado no campo, sen árbore. Despois distraínme coa néboa, que entraba polo val.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de xullo de 1996.