La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Que Alí Agca, o terrorista que quixo matar o Papa hai uns anos, faga agora votos pola saúde da súa antiga vítima, demostra en primeiro lugar que o tal individuo non é rancoroso ou empecinado, pero en segundo lugar demostra tamén o fráxiles que deben ser tanto o mundo emocional como o entramado ideolóxico en que se fundamentan as accións radicais destes iluminados. De non mediar a sorte, ou a providencia, a estas alturas o Papa estaría morto e o arrepentimento de Alí Agca, en caso de que se producise, carecería de sentido, polo menos a efectos de devolverlle a vida a quen previamente lla tirara por non se sabe que motivos políticos ou relixiosos.

No ano 1978, un comando das chamadas Brigadas Vermellasasasinou en Roma a Aldo Moro. O atentado foi cometidopor un grupo de mozos fanáticos e enfurecidos, aínda que sempre se sospeitou que o brazo executor viña de moito máis lonxe: daquela maneira evitouse que chegase á presidencia da república italiana un home partidario do entendemento cos comunistas. Posteriormente, os mozos aqueles foron xulgados e encarcerados, e varios deles comungan todos os domingos cunha filla do político asasinado.

Que hai unha proximidade entre terrorismo e fundamentalismo relixioso é un tema que se ten debatido dabondo. Aínda que se trata dunha cuestión complicada e non fácil de resolver, non parece aventurado descubrir certas similitudes entre unha actitude e outra. Ambas estarían comunicadas pola postura que manteñen fronte ao Absoluto, ese deus Moloch ao cal hai que presentar continuos sacrificios humanos. Uns homes entregan asúa vida polas propias crenzas; outros, emboscados entre a multitude e acochados en calquera escondite, buscan a vantaxe do cazadorpara liquidar as súas vítimas. Claro que tamén hai homes que pensan que a vida é un ben en si e que cómpre vivila.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de xullo de 1992.