La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A chegada a Berlín, onte pola tarde, foi apoteósica: unha multitude aplaudindo na estación como se viñésemos de coroar o Himalaia. En realidade viñamos de pasar seis semanas fantásticas, cun montón de novos amigos e amigas, vivindo experiencias riquísimas e coñecendo xente chea de interese humano. Cando remate a viaxe, que para min acabará o domingo pola noite, no momento en que chegue a Lavacolla, terei tempo de seguir falando con calma dos meus compañeiros e compañeiras do tren, pois penso que paga a pena.

O traxecto de Varsovia a Berlín, para min empezou moi ben. O encargado do tren, a quen alguén lle comunicara antes que eu era un apaixonado dese medio de transporte, invitoume a viaxar na cabina cos maquinistas. Despois, amosáronme unha maqueta en miniatura e regaláronme un alfiler de gravata. Só me faltaba o que pasou logo: ao chegar a Berlín, na estación había cinco pancartas enormes cunha frase en alemán doutros tantos escritores. Unha delas era miña. Sentoume como se comese chocolate.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de xullo de 2000.