La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No artigo de onte falaba desa ramiña que trouxen de Suecia e que, polo visto, serve para predicir o tempo. O caso foi que o domingo, despois de cear, saín pasear polo xardín coa intención de darlle as boas noites á mazá, que non a vira en toda a xornada, xogar un pouco cos cans, que estes días teño a impresión de que se senten algo desamparados, pois non están os rapaces na casa, e mirar o ceo, que se vía estrelado e claro, moi fermoso. Nese momento acordeime tamén da ponla e fun ver como se atopaba, ou sexa, se miraba cara arriba, sinal de bon tempo, ou miraba cara abaixo, proba inequívoca, segundo a folla das instrucións, do contrario.

Estaba caída cara abaixo, pero moito, case como pendurada. Se digo a verdade, tiña un aspecto triste, igual que se toda a ramiña fose unha lágrima. No momento, cheguei á conclusión de que o luns, con total seguridade, acabaría chovendo algo. Como para confirmar esa apreciación, mirei o ceo todo de arredor e descubrín, entre o monte da Grova e as Cíes, unhas nubes negras, con bastante mala cara.

No momento de escribir este artigo, que hoxe fago cedo, pola mañá, non choveu e tampouco estou seguro de que o vaia facer. No caso de que non se confirme a previsión, haberá que chegar á conclusión, polo menos provisionalmente, de que a ponla do tempo non funciona e que esa actitude nocturna, caída, pode non ser outra cousa que o seu xeito de descansar ou durmir. En todo caso, tampouco pasa nada. Hai anos merquei un complexo aparato mecánico, co nome pretensioso de estación meteorolóxica, e nunca deu no cravo: funciona ao revés. Nestes casos, din que o mellor é guiarse polos ósos. O que pasa é que eu nunca rachei unha perna.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de xullo de 1999.