La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte seguín na primeira canle da televisión sueca un interesante programa sobre o paro. Interesante para min, non tanto polos argumentos empregados, que me pareceu que xa coñecía, como pola situación creada no estudio. Durante o tempo que durou o debate, escoitei cousas que xa tiña escoitado en España, cunha divertida diferenza: quen acusa aquí da catástrofe son os socialistas, que están na oposición, mentres que os acusados son os políticos conservadores, responsables do gobernó e polo tanto do paro.

O parecido chegou incluso a ter un marcado aspecto cómico cando un experto en cuestións  económicas, militante do partido socialdemócrata, lle dixo a un político da dereita que as políticas liberais había tempo que fracasaran definitivamente en Europa e América.

O mesmo, só que en sentido contrario, que os conservadores afirmaban en España durante a última campaña electoral, é dicir, que a política socialista estaba en regresión, de forma definitiva, en todo o mundo. Como se ve, segue sendo certo aquilo que se dicía antes de que viaxar ilustra. Non obstante, aínda sen moverse da casa, hai verdades que non custa demasiadoaprender. Por exemplo, que nada hai definitivo nesta vida, a non ser a morte. Conservadores e socialistas non se suceden, simplemente se alternan.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de xullo de 1993.