La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días chamáronme de Zürich, desde a redacción da revista du, na que xa colaborei anteriormente, para pedirme que lles faga un artigo sobre o caldo. O señor co cal falei, que alternaba francés con inglés, dicía en cambio a palabra “caldo” en español, pero cunha pronunciación tan rara que eu lle entendía “carro”. Desa maneira, durante un par de minutos, a conversa converteuse nun disparate, como eses diálogos imposibles e cómicos que se  producen a veces entre xordos. A cousa aclarouse cando eu lle preguntei se falabamos de carros tirados por bois e vacas ou tamén dos carriños que arrastraban os burros, os cabalos e as mulas e mulos.

Nese momento, fíxose un silencio e ao cabo duns segundos o meu interlocutor faloume “do caldo ese das verzas”. Confeso que foi un alivio para min, pois non acababa de entender que podería escribir sobre o carro, a non ser empezar o traballo contando aquela historia do meu antigo compañeiro de escola, alias Gomirro, que convertido en carpinteiro, fixo un carro cando lle encargaran un armario.

A tranquilidade durou pouco, non obstante, pois non tardei en decatarme de que do caldo non sei moito máis, a non ser que me gusta. Así llo fixen saber ao señor da revista, que me respondeu: “Do que se trata é de facer literatura”. Non está mal, pero aínda sendo só literatura, algo haberá que dicir sen que o artigo se converta en palla. Así que levo un par de días dándolle voltas a este asunto, sen saber aínda por onde saír. Se consultase co Belaro, un paisano da miña vila, seguro que me diría: “Vostede poña que o mellor caldo é o de Xinzo para tanguer aos turistas cara aquí”. Tereino que pensar, porque tampouco se trata de provocar unha invasión.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de xullo de 1998.