La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Esta Moscova de agora non se parece nada á que eu coñecín hai algúns anos. Converteuse nunha cidade moderna, chea de vida, fermosa, coas terrazas abarrotadas de xente. Desde logo, aquí non se ve a pobreza que se vía en San Petersburgo. Sen embargo, non todo ha ser de color rosa, supoño. Falo de Olga, por exemplo. Non a coñezo de nada, pero escoitei a súa voz. Estaba eu a punto de durmir cando soou o teléfono e unha voz suave díxome: “Chámome Olga, teño 19 anos, son moi guapa e se queres podo subir ao teu cuarto”.

Deille as grazas e as boas noites e colguei. Dez minutos máis tarde, alguén, supoño que ela, estivo petando na porta do meu cuarto. Vese que conta con permiso especial, porque no hotel hai varias vixiantes por planta que controlan todo. Iso quere dicir que esta rapaciña aluga o seu corpo por uns dólares, que non serán todos para ela, porque un corpo vale menos que unha alma e a de Olga debe pertencer a algún canalla que se estará facendo rico desa maneira.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de xullo de 2000.