La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado pola noite, despois de cear no espléndido comedor do Museo Nacional, ao saír á rúa, unha noite branca, co ceo brillando como unha inmensa bóveda de cristal, facía adiviñar a maravilla azul do domingo. Amenceu un día perfecto, un pouquiño caloroso de máis, pero ideal para facer algunha excursión polos arredores de Estocolmo. Achegámonos ata a illa de Lovön, no lago Mälaren, onde se atopa o pazo de Drottningholm, unha xoia arquitectónica do século XVIII que desde hai case vinte anos serve de residencia aos reis actuais de Suecia. Un paseo polo parque dispuxo os corpos para o xantar que fixemos despois: un bo salmón.

E xa que falamos de salmón, digamos que a gastronomía sueca, sen ser moi variada, resulta exquisita. Os meus amigos están encantados co pan, cos arenques, coas albóndigas e cos postres elaborados a base de froita natural, na que non faltan nin as moras. Chámalles tamén a atención a auga, servida da billa, que conservaa súa limpeza natural e que non sabe a cloro, senón a manancial puro de Deus.

Isto da auga non podía ser doutra maneira nun país que foi calificado como unha especie de paraíso, onde a xente conduce amodiño, sen alterarse, onde non se berra e onde, desde que chegamos, ninguén conseguiu aínda ver un só policía, nin sequera un garda municipal de tráfico. Non é raro, polo tanto, que as dúas noticias máis importantes do domingo fosen dous alces que camiñaban perdidos por unha estrada camiño do norte e dúas vacas que facían o mesmo por unha estrada diferente camiño do sur. Por suposto que non faltarán dramas. Onte vin unha rapaciña sentada nun parque escribindo: quizais un soño, talvez unha door.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de xullo de 1999.