La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En París, no barrio de Montmartre, hai unha pequena praza que ten unha cerdeira plantada no medio. Está dedicada a Jean-Baptiste Clément, que foi alcalde da Comuna cando tiña trinta e cinco anos. O motivo da presenza da cerdeira naquel lugar foi unha canción, da cal era autor o mesmo Clément, titulada Le temps des cerises, é dicir, o tempo das cereixas, que se converteu nun verdadeiro himno para os revolucionarios e que acompañou a non poucos deles ata a tumba. Foi tamén a música coa que enterraron a Zola.

Un día, hai xa algúns anos, estaba eu naquela praza cunha amiga. Empeñárase en levarme ata alí porque ela mesma utilizara aquela canción para poñerlle título a unha das súas novelas. Debían ser as doce da noite e ía calor, de maneira que nos sentamos un momento no chan, arrimados contra a parede, para descansar.

De repente, dúas mulleres puxéronse a pelexar a poucos metros de nós. Pelexaban en silencio, unha delas cunha navalla na man. A miña amiga, de corazón bo, quixo meterse polo medio, cousa que eu lle impedín. O incidente resolveuno a policía aos poucos segundos. Ningunha das mozas ía ferida, quizais porque ambas buscaban a morte da contraria. En Uruguai, menos épico e literario que París, onte pelexaron tamén dúas señoras por un home, pero non pasaron de facerse unhas pequeñas rabuñadas no cu.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de xullo de 1996.