La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu estudaba en Santiago, hai xa bastantes anos, os alumnos da Facultade de Dereito estaban sometidos a unha estraña tortura: para aprobar non recordo que materia da carreira, tiñan que aprender de memoria un pequeño folleto de arredor de cen páxinas que logo debían recitar de coro diante do profesor encargado da materia. O panfleto coñecíase como Para Huxley porque empezaba dicindo: Para Huxley el sentido común es el menos común de los sentidos.

Sempre me chamou a atención que un libro que empezaba falando do sentido común fose o fundamento dunha insensatez semellante. En oposición ao que se proclamaba na primeira páxina, o autor do folleto dedicouse a torturar non só a intelixencia de centos de estudantes, senón a contradicir o bo sentido que nos atribúen aos galegos.

No teatro grego, cando se quere ponderar de xeito eloxioso a intelixencia dun personaxe, sempre se fala do seu bo xuízo ou o seu entendemento. Son virtudes que en Galicia non faltan, ás veces incluso na forma requintada dese pragmatismo extremo que chamamos raposería. Agora ben, hai tamén unha forma de insensatez galega que os nosos paisanos atribúen a esa xente que eles denominan con certa piedade conmiserativa os toliños. É especie máis rara no país, pero que cando se dá resulta dunha mentecatez impoñente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de xullo de 1993.