La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Para min que é boa persoa. Ten cara de ser inocente, cun sorriso agradable e ollos transparentes de nena, a pesar de que non debe baixar dos oitenta anos. Polas tardes, con frecuencia, véxoa paseando pola estrada, sempre soa. É pequeniña e delgada, non moi rexa. Dáme a impresión de que foi bonita; en realidade aínda é guapa. A tersura da pel e a vitalidade do pelo, erguido sobre uns ocos que parecen cardados con esmero, danlle o aspecto dunha muller cultivada, aínda que probablemente sexa analfabeta.

Na aldea non lle queren ben. Polo que sei, a xente non lle fala. Hai anos, segundo contan, botoulle unha envexa a unha veciña e matoulle unha vaca. Nada de acción criminal: simple poder oculto dos ollos. Así empezou a historia. Logo veu outro episodio semellante, desta vez cunha cabra como vítima; depois un burro, logo un can…

Está considerada como unha mal persoa. Onte mesmo cruceime con ela na estrada de Gondomar. Mireina con franqueza, esperando algún tipo de xesto de resposta que me permitise darlle as boas tardes. Durante uns segundos, dunha maneira furtiva, sentín que ela tamén me miraba. Aínda que foi un ver e non ver, como un lóstrego, chegou para que me decatase de que ten os ollos preciosos. Supuxen que se torcía a mirada non era tanto por timidez como por non asustarme. Debeser consciente da súa fama.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de xullo de 1994.