La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Salem, unha pequena cidade do estado de Massachusetts, nos Estados Unidos, onde durante os outonos os pradairos converten a paisaxe chá nunha inmensa mancha vermella, rememoran agora un dos episodios máis macabros da súa historia. Hai trescentos anos, catorce mulleres e seis homes foron executados baixo a acusación de bruxería. O testemuño en que se basearon as condenas a morte foille arrincado a un grupo de mociñas adolescentes convenientemente manipuladas por persoas maiores que desexaban a perdición dos encausados.

Moitos anos despois, un dos escritores norteamericanos de máis prestixio no século XX, Arthur Miller, escribiu unha peza sobre os feitos. Unha revista americana que anuncia os actos que se van celebrar proximamente en conmemoración do suceso di que con posterioridade se puido demostrar que todos os acusados eran inocentes. Naturalmente. ¿Como pode ninguén ser  culpable dun pretendido delito de bruxería? Aínda que os acusados se dedicasen a calquera práctica de tipo supersticioso, que nin sequera foi ese o caso, ninguén os podería condenar por unha actuación semellante. Despois de todo, cada un ten os deuses que quere.

¿Cada un ten os deuses que quere? Así debera ser, pero non é tan claro que sexa así. No Reino Unido hai un escritor que vive máis ou menos encarcerado porque determinados crentes non lle permiten que diga libremente o que pensa. Noutras partes do mundo, hai xente que morre por defender a súa fe relixiosa. Nalgúns países, como Arxelia, quérese impoñer a toda a poboación unha maneira de vivir inspirada nun libro que moitos millóns de seres humanos consideran sagrado. Algo tan sinxelo como deixar as relacións cos deuses ao arbitrio da conciencia e liberdade de cada quen é un privilexio do que gozamos aínda moi poucos. Custou moito conseguilo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de xuño de 1992.