La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Inglaterra, un xuíz acaba de condenar un individuo a ducharse dúas veces á semana, polo menos. O porquiño foi denunciado polos compañeiros da oficina, cansos de soportar a tufarada que aquel desprendía por non lavarse, un cheiro a bravú que os ofendidos describiron durante a vista no xulgado como autenticamente insoportable. Na revista onde leo a noticia vén unha foto do paxaro: nada que faga sospeitar que se trata dun marrán. Ben vestido, rasurado e peiteado, podía pasar por unha persoa normal.

É ese carácter de porco clandestino o que fai antipático ao individuo agora condenado. Debaixo da aparencia, soamente a uns milímetros da impecable camisa branca que loce no retrato, este tipo escondía unha espesa costra de miseria. En defensa propia aduciu que el non percibía o cheiro que os seus compañeiros lle atribúen, aínda que admitiu que iso se podía deber ao costume. Prometeu cambiar.

O que chama a atención é a decisión xudicial, non tanto pola obrigatoriedade da ducha, que semella acertada, como polo número de veces que o guarro terá que pasar por debaixo da auga. É posible que non cheguen, sobre todo nos primeiros días, especialmente se na primeira fregada non desaparecen os restos da roña acumulada e esta segue fermentando. Claro que nisto da hixiene non hai normas. Aínda hai menos de cen anos, o doutor Olovarrieta escribía: “Te lavarás bien los pies, cada dos meses o tres”. Parece pouco.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de xuño de 1993.