Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Dous velliños

27 de junio de 2017 a las 17:09

Onte falei aquí do paxaro Klaus, un ferreiriño sueco que nos visita na casa durante os veráns. Supoño que non será o mesmo desde que o vin a primeira vez, hai máis de vinte anos, pois aínda que ignoro cal é a idade media destes animais, sospeito que non viven tanto tempo. Neste caso, estariamos falando de varias xeracións da mesma familia, probablemente pais e fillos. O que non comprendo é de que maneira se transmitiron a información duns para outros, é dicir, que no número 22 da rúa Björkänsgatan vivía unha xente pacífica e amante dos animais, onde daban un queixo excelente. Porque o certo é que ese costume nunca se interrompeu.

Por outra parte, o tal Klaus nunca visitou os veciños da casa do lado, Tyra e Martin, que xa morreron. Non podería dicir que a aquela parella de velliños non lle gustasen os bichos, porque non o sei, aínda que teño a seguridade de que non apreciaban os nenos. Eu mesmo fun testemuña de como un día botaron unha nena da casa porque estaba indisposta do estómago e facía porquerías pequeniñas.

O deles eran andar en bicicleta. Estounos vendo todos aos días, saíndo a pasear cada un na súa máquina, sen faltar nunca, incluso cando xa cumpriran os noventa anos. Algunha vez me crucei con eles, alá pola praia de Tylösand, e daba gusto observalos, sempre dereitiños e pulcros,  como dous exemplos vivos da boa educación nórdica, o sentido san da vida ao aire libre e a felicidade sinxela de sentirse satisfeitos. Nunca entendín por que o paxaro Klaus e os seus descendentes non se fixeron amigos daquel par de benditos. Prefiro que non tivese nada que ver con adiviñacións do corazón. Espero que fose só un problema do sabor do queixo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de xuño de 1998.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Deja tu comentario