La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día estivo a verme no hotel un periodista para facerme unha entrevista. Eu pensei que quería falar da conferencia que ía dar aquela mesma tarde na Fundación Dávila Garibi, pero non. O rapaz, que tiña cara de infeliz e boa persoa, empeñouse en facerme preguntas de economía e cousas polo estilo. Tamén quería saber se os chistes que aquí se contan dos galegos, que nos presentan como parvos e ignorantes, obedecían á realidade ou carecían de fundamento. Preguntoume esa bobada sen malicia.

Onte, cando me erguín, por debaixo da porta do meu cuarto xa tiña o periódico coa entrevista. Púxenme a lela e estiven rindo sen parar ata que rematou. Nunca vira disparate parecido, nin sequera a vez que un periodista puxo nos meus labios a frase de que estaba preparando unha edición crítica do coro Aires da miña terra.

A cousa empezaba así: “En Galicia se encuentra Vigo, a lo que se denominó por mucho tiempo la ciudad del Ferrol”. De aí para adiante, todo o imaxinable. Por exemplo, que na Arxentina, onde se contan chistes de galegos, existe “una gran colonia de estos personajes”, ou que en Baiona está enterrado un “indígena que llegó en la tripulación de Colón”. Cando eu lle dixen que iso de contar chistes era un hábito xeral entre países fronteirizos, fíxome dicir: “Los franceses los cuentan de los belgas y los suizos de los noruegos”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de xuño de 1997.