La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, mentres xantabamos ao aire libre, á beira do río Neckar, un profesor alemán preguntoume se en España estaba de moda poñerlles nomes raros aos nenos, especialmente tomados de actores e actrices populares. Díxenlle que si e acabamos ríndonos ao comprobar que os rapaces se empezan a chamar da mesma maneira nos dous países. Comentamos tamén que visten de xeito semellante, que se divirten aproximadamente igual e que adoptan unha actitude moi parecida no que respecta aos seus estudos.

No caso concreto da escritura, queixábase o meu interlocutor de que os seus alumnos escriben cada vez peor, con numerosas faltas de ortografía, e que ignoran feitos culturais básicos. Eu expliqueille que esa mesma queixa a escoitaba en España con frecuencia e que a tiña oído tamén noutros países.

Chegamos polo tanto á conclusión de que o mundo se está convertendo nunha especie de parroquia, na que as diferenzas entre a xente son cada vez menores. Por suposto, ambos compartiamos a opinión de que tanto uniformismo non é bo, pero de súpeto eu decateime de que os dous levabamos o mesmo tipo de camisa de punto, cun lagarto bordado no mesmo sitio. Non lle quixen dicir nada porque desde había uns minutos tiña el empezado un discurso sobre o borreguismo da xente que lle estaba saíndo moi ben.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de xuño de 1995.