La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como é sabido, nos Estados Unidos segue utilizándose iso que se chama a linguaxe “politicamente correcta”. Xa contei aquí que, hai uns anos, cando participaba nunha mesa redonda na Universidade de Nova York, na que estabamos dous homes e dúas mulleres, fumos presentados como “os catro escritores, as catro escritoras, que nos acompañan hoxe”. O colega que me acompañaba, un home de bastante mal xenio, rosmou polo baixo, non moi contento co que acababa de escoitar. A min, se digo a verdade, resultoume divertido: non ocorre con frecuencia que a un o traten en público de feminino. Era unha experiencia que non imaxinaba ter que pasar.

Sobre estas cuestións, escoitei o outro día na radio un profesor que protestaba polo feito de que a William Faulkner, nalgunhas universidades do seu propio país o consideren un escritor incorrecto, acusado de racismo. O citado profesor puña como exemplo do contrario a dedicatoria que o famoso novelista puxo á fronte dunha das súas obras, ofrecida á criada negra que o coidou desde pequeniño.

Non estou de acordo. Esa dedicatoria, que figura na novela Gow Down, Moses, di exactamente así: “Á memoria de Mammy Caroline Barr, Mississippi. Nacida en plena escravitude, serviu á miña familia cunha abnegación e unha lealdade sen límites, enchendo a miña infancia co seu amor e a súa entrega infinitas”. Se a isto engadimos que a escrava está enterrada no mesmo cemiterio que o seu amo, pero na parte reservada aos negros, penso que todo está bastante claro. O cal non quita para que a exclusión de Faulkner dos estudos universitarios nalgúns centros dos Estados Unidos non deixe de ser unha medida tonta. Así, nin a Biblia se salva.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de xuño de 1999.