La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como é sabido, os portugueses din unha frase sobre os españois que resume bastante ben os seus sentimentos ao respecto: “De España, nin bo vento nin bo casamento”. Alguén a citou, unha vez máis, nestas xornadas que estamos celebrando en Trujillo. Iso non quere dicir, non obstante, que o espírito das conversas estivese impregnado pola desconfianza, senón todo o contrario. A proba é que se falou do problema.

En Portugal aínda queda moita xente que mira cara a España cunha mestura de rancor histórico, de temor e de complexo dun país pequeno fronte dun veciño grande. Un veciño que   lle fixo, xusto é dicilo, bastantes perrerías. A proba do bo clima no que transcorreu o congreso foi o partido de fútbol do venres, que vimos todos xuntos nunha sala do hotel, a non ser tres poetas e un editor, que nos reprocharon a nosa afección e foron falar de poesía ao comedor, mentres lles daban de cear unha caldeirada de peixe que eu comprobaría despois, ao rematar o partido, que non era precisamente o mellor prato que comimos aquí.

Durante o partido sucedeu unha cousa curiosa. Mentres os portugueses volvían pola selección española, os españois, case na totalidade, conforme ía avanzando o partido, empezaban a volver polo Paraguai. Diante do desconcerto dos nosos veciños, alguén tomou a iniciativa de explicarlles unha actitude tan insólita. Todo se reduciu a facerlles un retrato de Clemente. Confeso que rin das cousas que se dicían do personaxe, sobre todo da súa intelixencia. Non me atrevo a repetilas, especialmente porque poderían dar orixe a unha querela, tan gordas foron e ditas con tanto enxeño. Laméntoo moito porque estou seguro de que algúns mo agradecerían.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de xuño de 1998.