La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os que teñan costume de andar en avión coñecerán ben esa cantilena que repiten as azafatas en todos os voos respecto da prohibición de utilizar os ordenadores portátiles no momento do despegue e da aterraxe para non provocar intermitencias cos instrumentos de a bordo. Ao rematar a perorata, sempre engaden unha frase de esperanza: se un quere facer uso do ordenador no resto da viaxe, debe consultar antes con algún membro da tripulación. A miña impresión é que se trata dunha mentira. Nunca deixan.

Iso quere dicir que este artigo de hoxe tíveno que facer a man, acomodado de mala maneira na mesiña raquítica onde serven o xantar. Resulta curioso o fácil que é cambiar de hábitos. Ao principio, cando empecei a escribir en ordenador, parecíame raro; agora, algúns anos despois, empeza a parecerme estraño o contrario.

Por certo que acabo de ler que aquí, nos Estados Unidos, hai xente que foi á escola e que agora, xa non sabe ler nin escribir. Non é raro. Eu coñezo moitas persoas, empezando por min, que aprenderon bastantes matemáticas na súa época escolar e que co tempo, por falta de exercicio, xa non saben dividir ou dividen  con dificultades. As cousas da mente, comezando pola lectura, hai que cultivalas para que non enferruxen. Non hai espectáculo máis feo que unha cabeza facendo o ruído dunha bisagra oxidada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de xuño de 1997.