La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Desde que saímos de viaxe, foi en Bruxelas o único sitio onde non tiven que actuar. Así que dediquei o día de onte a facer turismo por unha cidade que nunca me gustou demasiado. Pasei bastante tempo sentado nunha terraza cun grupo de amigos e amigas que tampouco tiñan actuación e souben así de varias cousas. As suecas contáronme que o seu colega, un poeta que fala pouco e anda case sempre só, bota horas nos hospitais das cidades por onde imos  pasando, preocupado pola súa saúde. Polo visto, gústalle estar alí uns momentos, falar cun médico, tranquilizarse un pouco e saír cunha receita, aínda que sexa unha aspirina.

Logo resulta que como poeta pertence ao xénero dos que montan espectáculo. O outro día, en París, mentres os demais liamos un breve texto escollido dun dos nosos libros, el dispuxo de espazo especial, pois actúa como un home de circo ou de teatro. Fóra de aí, volve ao seu silencio educado e a buscar, supoño eu, o próximo hospital.

Os primeiros días, eu intentaba falar con el, de amigos comúns que temos en Suecia, por exemplo, pero pouco a pouco deixei de tratalo porque me decatei de que as preguntas que lle facía non mas contestaba ata o día seguinte. Entón achegábase a min e, sen máis, como retomando a conversa do día anterior, respondíame. Agora simplemente saudámonos cunha reverencia. As súas compatriotas, en cambio, son abertas e divertidas, e unha delas fala nove idiomas. De todos cantos imos no tren é das poucas que entende a case todo o mundo sen necesidade de recorrer ao inglés ou ao francés. Polo demais, todo segue ben e con bo tempo. O domingo chegaremos a Dortmund, en Alemaña.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de xuño de 2000.