La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu vivía en Xinzo, sendo un rapaz, ademais das visitas que lle facía o poeta do que falei aquí estes días pasados, tamén ía ver con frecuencia a un señor carlista, propietario igualmente dun comercio, co cal cheguei a ter amizade. En ambos os dous casos, como eran xente romántica, os negocios non lles andaban nada ben, de maneira que dispuñan de moitas horas para falar comigo. Por outra parte, como todo o mundo os tiña por tipos raros, sentíanse moi agradecidos de que alguén se interesase por eles.

Este segundo veciño cultivaba tamén a escritura, pero no seu caso prefería a prosa política e ideolóxica antes que a poesía, a non ser que se tratase de sátira. Unha vez ao ano publicaba un artigo no diario provincial recordando a morte de Calvo Sotelo, no que falaba sempre da anti-España, a masonería e o comunismo.

Colaboraba tamén nunha revista do seu credo, na que había un lema na cabeceira que dicía: “Palo al burro blanco, palo al burro negro, palo a todo burro que no ande derecho”. A min, o tal movemento resultábame chocante, pero era tan grande o fervor daquel home que nunca me atrevín a discutirlle as súas ideas e sempre lle dei a razón. Non por lástima, senón porque me parecía que lle facía ilusión pensar que a xuventude apoiaba a súa causa. Como só se trataba diso, tampouco custaba moito contentalo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de xuño de 1995.