La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu tiña dezaseis anos, un día descubrín con sorpresa e con medo que me gustaba moitísimo unha señora xa madura que viña con frecuencia pola casa. Como daquela todas as incidencias perturbadoras da alma acababan botándose no confesionario, unha mañá de verán conteillo ao cura para que puxese algo de acougo no meu espírito atormentado. Non recordo ben as palabras que me dixo, pero non deberon ser de consolo porque aquel día saín da igrexa coa conciencia vivísima de ser un rapaz algo canalla.

Combatín a tentación como puiden, mesmo escribindo para min unhas notas nas que trataba de demostrarme que unha muller vella non podía ser atractiva, pois a beleza tiña que estar necesariamente unida á mocidade. Con todo, cada vez que aquela señora guapa aparecía pola casa, o meu corazón claudicaba.

Hai uns días, despois de tanto tempo, volvín atoparme con ela. Segue sendo elegante e fermosa como entón, a pesar das enrugas e dos netos. Con disimulo e cautela, utilizando a lingua a medias palabras, conseguín averiguar a súa idade. Descontando mentalmente cara atrás, descubrín que aquela muller madura que tanto me gustara non fora máis que unha preciosa mociña de pouco máis de trinta anos. Se chego a sabelo daquela, non me sentiría un rapazote perverso; só un pipiolo inocente e despistado.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de xuño de 1991.