La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Despois da parada de descanso en Bordeos, con visita a un “chateau”, onde algúns beberon viño para tres ou catro anos, incluídos os musulmáns, onte pola mañá chegamos a París. O recibimento foi magnífico, incluído un espectáculo, montado na praza que hai diante da estación de Montparnasse, no que un grupo de actores, subidos no alto dunha locomotora, actuaron e recitaron e cantaron poemas e cancións de todos os países, que ían sinalando sobre un gran mapa de Europa tamén cunha pequena locomotora de vapor. Logo déronnos entradas gratis para todos os museos, tarxetas para chamar por teléfono e billetes para o metro.

No tren vin falando cunha escritora suíza que me contou algunhas cousas curiosas. Ten dous nenos pequenos, aos que lles envía todos os días por internet unha descrición de cada un de nós. Despois, os rapaciños contéstanlle e dinlle quen é bo e quen é malo. E ela ten moi en conta a opinión dos fillos. Como se ve, no tren hai de todo.

Foi ela mesma quen me contou que hai unha escritora que, ao chegar a Lisboa, acudiu moi nerviosa a falar coa xente da organización porque deixara na casa o osiño de peluche que necesita para durmir. A suíza amosouma na viaxe de onte e decateime de que non ten cara de orixinal nin de diva, senón de infeliz e moi boa persoa. De xeito que me quedou claro que non se trata de ningún acto teatral para chamar a atención. Supoño, por outra parte, que lle sería bastante fácil mercar un novo oso e resolver o problema sen necesidade de recorrer ás pastillas para descansar, como fan moitos. E nada máis por hoxe, a non ser que a danesa da tirita levábaa onte de cor verde.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de xuño de 2000.