La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día vin na televisión un señor de aspecto cadavérico, con cara de sardiña, que propuña a recuperación do duelo como método para resolver as ofensas relativas ao honor. Nun principio pensei que se trataba dun bromista, incluída a facha que levaba, máis propia dun romántico arruinado que do avogado que dixo ser. Non obstante, transcorridos algúns minutos da entrevista, decateime de que falaba en serio e que acudía ao programa precisamente para facer propaganda da súa idea. Segundo o seu parecer, a volta ao  duelo serviría sobre todo para darlle nobreza a un mundo no que a xente vive e morre na vulgaridade, sen un mínimo de grandeza.

Para defender esta última tese, sacou un papel do peto da chaqueta raída e leu unha colección de mortes recollidas dos periódicos ao longo dun ano, excluídos os accidentes de tráfico, os suicidios e os drogaditos: cinco mortos atragoados á hora de comer; dous, liquidados pola caída de cornixas ou balcóns; un, pillado por unha bicicleta; outro, fulminado por un infarto vendo un partido de fútbol…

Esquecéuselle dicir que, polo menos en España, os duelos case nunca acababan en morte e que moitas veces remataban en pura chirigota. A este respecto, un escritor que non recordo, quizais Fernández y González, fixo unha proposta a un golfo que o retou sabendo que o vello dramaturgo estaba case cego. Sen botarse para atrás, díxolle este que se pechasen ambos os dous nun cuarto escuro, cada un cun coitelo na man, e que se liasen a puñaladas ata que se producise unha morte. Despois, o que quedase vivo, que chamase para que lle abrisen a porta. “Esa é a proposta dun plebeio”, dixo o outro. E salvou o honor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de xuño de 1998.